Unha cama para Salus
Para quen?
Salus ten 66 anos e vive en Vigo. Sufriu un ictus hai trece anos que lle produxo importantes secuelas físicas, polo que ten unha mobilidade moi reducida nos membros superiores e inferiores que o fai depender da sua muller e coidadora.
Que necesita?
Unha cama articulada con colchón antiescaras, valorada en 656 euros. Temos un mes para conseguilo. Con iso Salus poderá cambiar de postura sen axuda para evitar que se lle formen feridas e permitirá á sua muller vestilo e trasladalo á cadeira con menor esforzo, mellorando a calidade de vida dos dous.
Salus está casado e vive coa súa muller, que coida del todo o día, o que lle impide traballar fóra da casa. Na actualidade apáñanse cuns ingresos familiares mensuais de 740 euros.
A asociación de Dano Cerebral de Vigo "Alento" está a traballar con el. Tratan de que, tanto el como a súa muller, se sintan apoiados na súa vida diaria e préstanlle os servizos necesarios para a súa rehabilitación. O esforzo desta asociación é importante, tanto como o compromiso de Salus e da súa familia por saír adiante. Pero os recursos son escasos e non chegan, en ocasións, para atender as necesidades do seu caso.
Salus pasa unha boa parte do tempo deitado. E aquí está o problema, ou un deles. A súa cama non ten as características axeitadas e está moi deteriorada, o que lle está a causar danos nas costas, que empeoran aínda máis a súa saúde. Esta situación tamén ten consecuencias para a súa muller, que se ve obrigada a mobilizar a Salus en condicións non axeitadas para ela.
Precisan con urxencia unha cama articulada cun colchón antiescaras.